viernes, 27 de agosto de 2010

hoxe toca xuntarse!!!

Hoxe temos asamblea de Coveiros, a ver que tal é a valoración de todos nós... os visitantes, os aditos á Festa das Covas creo que desta volta quedastes satisfeitos, pero falta a avaliación definitiva.

Para nós é fundamental a vosa opinión, que asistades e decidades que facer dende hoxe, para que no ano que resta até a proxima festa das covas, podamos dar máis carreira e impulso. Non xa a Festa que como se ve está totalmente asentada, senon a asociación e a actividade desta, porque debemos medrar e sobretodo, se útiles para os socios e en continuidade, para o pobo.

Vémonos na asemblea e nas covas.

lunes, 9 de agosto de 2010

De corazón... graciñas

Sabemos que non é a foto máis expresiva, pero pode que sexa moi representativa de cal é a nosa intención... agradecervos a todas e todos o traballo, a entrega e a vosa presenza, en especial aos que facedes posíbel trazar este mapa cheo de fitos onde parar a tomar uns viños.

Graciñas a todos por ter feito desta edición a máis potente, en presenza de público, en festa pura e dura, en bo ambiente e servizo, esperamos que este ano non faltara de nada. E creo sinceiramente que non nós equivocamos ao decir que esta puido ser a mellor edición da Festa das Covas, tanto na cantidade como na calidade... e esperamos, poder mellora-la ano a ano.

Mellorarémo-la sempre que os coveiros esteades aí, a beira de quen a organice, porque vos sodes o motor e namentres haxa quen responda para abrir covas haberá Festa.

Non quixeramos tampouco deixar fora dos agradedementos aos músicos que tan boa festa armaron, dende a xente que se achegou as covas cos seus instrumentos, sen pedir nada a cambio, máis que un espazo para tocar, como para os dous grupazos da fin de festa, os Brothers e Bukowski Blues Trio?

Graciñas a todos vós, de verdade e de corazón por facer posíbel esta festa. Até pronto compañeiros!!!

miércoles, 4 de agosto de 2010

que imos facer o venres?


Antes de nada pedirvos disculpas polo longo letargo do blog... haberá que tomar doutra volta impulso para poder botar a andar con máis continuidade, pero bueno, ao que imos.

Esta entrada e actividade, adicámoslla aos coveiros en especial, polo menos xa que nos toca apandar o sábado, a ver se o venres lle sacamos algo de proveito á festa e nos podemos tomar uns viños entre veciños e convidados polas covas de Cerdeirais. Xa sabedes que este é un pequeno paso para dar a coñecer outro barrio con covas, alén do que medio mundo xa coñece grazas a festa das covas.

Lembrade que para os máis pequenos tamén temos os xogos, inchabeis e máis cousas. Que estaremos na praza para os nen@s dende as 19h e que ao mesmo tempo estaremos catando os pinchos e os viños polas covas de Cerdeirais.

Que como viña sendo habitual, haberá sardiñada o venres dende as 21h na praza do pobo, botándolle unha man a AAMMRR "Cima de Vila", consolidándose a actividade que viña a celebrarse ao longo deste tempo. Colaboran aquí tamén Pescados Topi, Caixanova, Bar Acuarela e Bodegas Juan Ares, grazas a todos eles.

Nada máis de momento, agradecer, coma sempre o traballo das 45 covas, por estar abertas e por participar, por involucrase e dar o mellor de cada un para facer ano a ano a Festa das Covas.

Por outra banda, non esquencer aos veciños de Cerdeirais que o venres abrirán as súas covas, demostrando que este patrimonio tan noso, como son as covas, son fonte de vida e futuro. Esperemos que este ano a Festa das Covas continue a ser un punto de encontro e referencia.

saúde e bo viño!

viernes, 30 de abril de 2010

20 anos de Abertal, Manolo, gaiteiro!!


O patrimonio non é sinxelamente, como decía un profesor de antropoloxía, "montóns de pedras apilados que teñen moitos anos e que servían para adorar ao Dios de turno". Temos outros xeitos de expresión cultural que son patrimonio, tal como son as linguas, a musica de cada pobo é outro referente.

Manolo Durán ten grande relevancia neste eido, onde sae a luz a súa paixón e onde por moitos motivos, vemos a calidade inmensa deste home. Sen el a Rúa e por descontado Valdeorras, non desfrutaríamos 20 anos deste patrimonio musical. A súa constancia e a capacidade de traballo que nos demostrou, esa ilusión de turrar polo noso durante dúas décadas, fai que hoxe a música tradicional teña aínda moito aire para encher o fol e mans para repinicar nos coiros.

Por esto entrada de hoxe, feita dende a máis sinceira e fonda admiración, unha verdadeira lección de humildade e capacidade de traballo, de saber facer e erguerse ante os contratempos, de constancia e sobretodo, de estima por esta nosa terra.

Abertal, grazas, polos 20 anos de música tradicional que nos regalaches e por facer da Rúa un refuxio da música que se baila ao ritmo do coiro e dun só ronco.

Para rematar, o enlace co programa "alala" adicado á agrupación

http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=30/04/2010%2022:55:19&fecha=29/04/2010&arquivo=1&programa=ALAL%C3%81&id_programa=7

jueves, 22 de abril de 2010

23 de abril!!

"O San Jorge, glorioso soldado!!"

Quen de vós non se lembra de Don Juan no cimeiro da igrexa cantando o himno ao noso patrón? a verdade é que para moitos dos que no seu día pateábamos a procesión e termábamos de crespóns e demais lerias, a imaxe que se nos ven a mente, a fotografía da lembranza é ver ao señor Cura mirando de reollo aos que se portaban con pouco e decoro no día máis grande, penduleando a cabeza cara os lados coma se dun xendarme divino se tratara. Deus estaba mirando dende o ceo e xulgaría as capacidades de seus guardiáns da fe?

Sexa como que sexa, esta fin de semana imos ter as familias e amigos con nós, algúns por desgraza botaremos de menos aos que se nos foron... mais a vida segue e esixe tirar para adiante, sen esquecer de onde vimos estamos condenados a continuar. Hoxe non é un día para botarse atrás, todo o contrario, é hora de turrar cara adiante e se hai un máis alá que nos xulgue, que diga que nos equivocamos, porque sempre é mellor trabucarse polo feito que pampar ante o que puido ser.

Pronto teremos que nos xuntar os coveiros, porque este ano temos tempo e debemos aprobeitar para face-las cousas o máis consensuadas posíbel. Ide pensando nun día para o que podamos botar a andar a XIV, ide poñendo a traballar a cabeza e a dar ideas.

Coveir@s e veciñ@s, boas festas e bo viño, saúdos e parabéns aos organizadores da Festa do San Xurxo!

Adiante coas nosas festas!!

jueves, 15 de abril de 2010

seadur e as covas


A foto procede do blog “una gallega por cáceres”

Este sábado iniciouse a leria larga das Festas das Covas; o camiño das covas de Seadur abreu as súas portas, esperabamos que o tempo lles respectara, que lles dera unha tregua e poideran ter o mellor día posíbel.

Para nós é unha ledicia que esta festa sexa ano tras ano outro referente máis da comarca, do viño e a para demostrar que o patrimonio pode ser un elemento dinamizador das terras de Valdeorras.

Teremos polo tanto que plantexarnos, a meu parecer, un irmandade de festas das covas e propoñer actuacións comúns con unha óptica comarcal, con unha visión máis global e a longo prazo.

De pouco vale ter unhas festas que xiran entorno a un patrimonio que corre o perigo de virse a baixo polo paso do tempo ou por actuacións pouco acertadas. De pouco vale que as festas, as rutas e os camiños das covas se tornen en macrobotellóns aos que non se lles crea unha andamiaxe, un entramado que as dote de contido. De pouco vale que este impulso que agora temos non sirva para poder facer medrar os viños de Valdeorras, a cultura e a propia comarca. De nada vale, se co paso do tempo resulta que o único que se pretende é que veña a personalidade de turno a cortala cinta, procurando a autopromoción cortopracista ao tempo que o entorno perde enteiros, en capital humano e valor patrimonial. Debemos de ter unha visión do conxunto, por iso é tan importante unha planificación coa vista posta no futuro, empezando por unha planificación urbanística que teña en conta este patrimonio.

Ao fin e ao cabo, a planificación trátase do esqueleto sobre o que proxectaremos o noso futuro, anque isto pode que non sexa máis que unha opinión persoal.

De momento e dende aquí, dar os parabéns ao Camiño das Covas de Seadur pola boa organización un ano máis.

Desfrutade destas festas e das súas covas, do seu viño e do bo ambiente. Saúde e vivan as covas!

lunes, 11 de enero de 2010

so hai covas en vilamartín?

Na foto vedes unha cova da República Checa, na zona de Moravia. De momento é o lugar máis alonxado do que temos constancia a existencia de covas, pode que do outro lado do océano tamén chegara o invento en cuestión, pero de momento non podemos chegar tan lonxe, anque o que si é certo é que alí teñen un xeito de aproveitar as covas, similar ao que fan en Valdevimbre, onde tamén teñen unha Festa do Viño o fin de semana seguinte a nosa festa.

Outra cousa que nas covas de Moravia teñen claro é que a protección deste patrimonio e potenciación del é un recurso moi a ter en conta, entrando en xogo como un elemento esencial para a comercialización do seu viño e a súa promoción.

Eles comezaron integrando as covas nunha especie de BIC (ben de interés cultural) e agora están dentro dos bens patrimoniais da UNESCO, o que lle carrexa unha promoción e entrada de fondos encamiñada a proxectos que faciliten a conservación deste patrimonio e os xeitos de vida precisos para conserva-lo.

Debemos de tomar conciencia da importancia que pode ter para nos manter as covas, non se trata de tomar medidas ao chou, pero si que debemos ser conscientes que nas intervencións temos que extremar os coidados, respectar no posíbel o modelo arquitectónico e os materiais a empregar... vos diredes.

Saúde e bo viño

viernes, 1 de enero de 2010

a polo 2010


Amence o novo ano, co desexo que a colleita do 2009 se repita.

Esta foto é de mediados dos sesenta e de fondo Penouta e o Sil, no primeiro plano a planta que nos une, a vos e a nós e para vos, o mellor delas e que este tempo que se abre sexa plagado de horizontes coma este, cumios aos que entre todos subir.

Recordade, se tedes algo interesante, fotos, comentarios, historias e achegas, facedeas, que esta porta está aberta para todos vos.

Saúde, viño e bo ano 2010.