este poderá ser un punto de encontro entre os aditos a este vicio de tomar viños e parolar, sempre que non sexa posíbel face-lo nas covas.
este será un lugar aberto para os e as que dende a lonxanía non podan desfrutar do bulir baixo a terra, colle-la cunca e unha lasca de chourizo, leva-lo a boca e ter boa conversa.
saúde e bo viño
Antes de nada agradecer ás Mulleres Rurais de Cima de Vila o préstamo da fotografía, non será o último...
Tamén pedirvos desculpas pola tardanza na actualización, o tempo non acompañaba, máis ben a ausencia deste. Ademais de ter problemas co acceso ao demo do blog, polo que dito esto, retomamos a actividade, máis tarde que cedo.
Son tempos de Entroido e de rematar a poda, o viño xa se fixo viño e andamos a ver se argallamos algunha actividade máis para o longo do ano... esperamos as vosas propostas sexa polo blog ou polos bares, sabedes que a iniciativa debe de ser de toda a asociación.
Temos tamén que ir pensando en facer unha asamblea antes de dous meses para tratar este tema, da planificación de outras actividades, ao tempo, que é bo momento para ir tomando contacto e procurar organizar a Festas das Covas deste 2011.
Hoxe temos asamblea de Coveiros, a ver que tal é a valoración de todos nós... os visitantes, os aditos á Festa das Covas creo que desta volta quedastes satisfeitos, pero falta a avaliación definitiva.
Para nós é fundamental a vosa opinión, que asistades e decidades que facer dende hoxe, para que no ano que resta até a proxima festa das covas, podamos dar máis carreira e impulso. Non xa a Festa que como se ve está totalmente asentada, senon a asociación e a actividade desta, porque debemos medrar e sobretodo, se útiles para os socios e en continuidade, para o pobo.
Sabemos que non é a foto máis expresiva, pero pode que sexa moi representativa de cal é a nosa intención... agradecervos a todas e todos o traballo, a entrega e a vosa presenza, en especial aos que facedes posíbel trazar este mapa cheo de fitos onde parar a tomar uns viños.
Graciñas a todos por ter feito desta edición a máis potente, en presenza de público, en festa pura e dura, en bo ambiente e servizo, esperamos que este ano non faltara de nada. E creo sinceiramente que non nós equivocamos ao decir que esta puido ser a mellor edición da Festa das Covas, tanto na cantidade como na calidade... e esperamos, poder mellora-la ano a ano.
Mellorarémo-la sempre que os coveiros esteades aí, a beira de quen a organice, porque vos sodes o motor e namentres haxa quen responda para abrir covas haberá Festa.
Non quixeramos tampouco deixar fora dos agradedementos aos músicos que tan boa festa armaron, dende a xente que se achegou as covas cos seus instrumentos, sen pedir nada a cambio, máis que un espazo para tocar, como para os dous grupazos da fin de festa, os Brothers e Bukowski Blues Trio?
Graciñas a todos vós, de verdade e de corazón por facer posíbel esta festa. Até pronto compañeiros!!!
Antes de nada pedirvos disculpas polo longo letargo do blog... haberá que tomar doutra volta impulso para poder botar a andar con máis continuidade, pero bueno, ao que imos.
Esta entrada e actividade, adicámoslla aos coveiros en especial, polo menos xa que nos toca apandar o sábado, a ver se o venres lle sacamos algo de proveito á festa e nos podemos tomar uns viños entre veciños e convidados polas covas de Cerdeirais. Xa sabedes que este é un pequeno paso para dar a coñecer outro barrio con covas, alén do que medio mundo xa coñece grazas a festa das covas.
Lembrade que para os máis pequenos tamén temos os xogos, inchabeis e máis cousas. Que estaremos na praza para os nen@s dende as 19h e que ao mesmo tempo estaremos catando os pinchos e os viños polas covas de Cerdeirais.
Que como viña sendo habitual, haberá sardiñada o venres dende as 21h na praza do pobo, botándolle unha man a AAMMRR "Cima de Vila", consolidándose a actividade que viña a celebrarse ao longo deste tempo. Colaboran aquí tamén Pescados Topi, Caixanova, Bar Acuarela e Bodegas Juan Ares, grazas a todos eles.
Nada máis de momento, agradecer, coma sempre o traballo das 45 covas, por estar abertas e por participar, por involucrase e dar o mellor de cada un para facer ano a ano a Festa das Covas.
Por outra banda, non esquencer aos veciños de Cerdeirais que o venres abrirán as súas covas, demostrando que este patrimonio tan noso, como son as covas, son fonte de vida e futuro. Esperemos que este ano a Festa das Covas continue a ser un punto de encontro e referencia.
O patrimonio non é sinxelamente, como decía un profesor de antropoloxía, "montóns de pedras apilados que teñen moitos anos e que servían para adorar ao Dios de turno". Temos outros xeitos de expresión cultural que son patrimonio, tal como son as linguas, a musica de cada pobo é outro referente.
Manolo Durán ten grande relevancia neste eido, onde sae a luz a súa paixón e onde por moitos motivos, vemos a calidade inmensa deste home. Sen el a Rúa e por descontado Valdeorras, non desfrutaríamos 20 anos deste patrimonio musical. A súa constancia e a capacidade de traballo que nos demostrou, esa ilusión de turrar polo noso durante dúas décadas, fai que hoxe a música tradicional teña aínda moito aire para encher o fol e mans para repinicar nos coiros.
Por esto entrada de hoxe, feita dende a máis sinceira e fonda admiración, unha verdadeira lección de humildade e capacidade de traballo, de saber facer e erguerse ante os contratempos, de constancia e sobretodo, de estima por esta nosa terra.
Abertal, grazas, polos 20 anos de música tradicional que nos regalaches e por facer da Rúa un refuxio da música que se baila ao ritmo do coiro e dun só ronco.
Para rematar, o enlace co programa "alala" adicado á agrupación
Quen de vós non se lembra de Don Juan no cimeiro da igrexa cantando o himno ao noso patrón? a verdade é que para moitos dos que no seu día pateábamos a procesión e termábamos de crespóns e demais lerias, a imaxe que se nos ven a mente, a fotografía da lembranza é ver ao señor Cura mirando de reollo aos que se portaban con pouco e decoro no día máis grande, penduleando a cabeza cara os lados coma se dun xendarme divino se tratara. Deus estaba mirando dende o ceo e xulgaría as capacidades de seus guardiáns da fe?
Sexa como que sexa, esta fin de semana imos ter as familias e amigos con nós, algúns por desgraza botaremos de menos aos que se nos foron... mais a vida segue e esixe tirar para adiante, sen esquecer de onde vimos estamos condenados a continuar. Hoxe non é un día para botarse atrás, todo o contrario, é hora de turrar cara adiante e se hai un máis alá que nos xulgue, que diga que nos equivocamos, porque sempre é mellor trabucarse polo feito que pampar ante o que puido ser.
Pronto teremos que nos xuntar os coveiros, porque este ano temos tempo e debemos aprobeitar para face-las cousas o máis consensuadas posíbel. Ide pensando nun día para o que podamos botar a andar a XIV, ide poñendo a traballar a cabeza e a dar ideas.
Coveir@s e veciñ@s, boas festas e bo viño, saúdos e parabéns aos organizadores da Festa do San Xurxo!
Este sábado iniciouse a leria larga das Festas das Covas; o camiño das covas de Seadur abreu as súas portas, esperabamos que o tempo lles respectara, que lles dera unha tregua e poideran ter o mellor día posíbel.
Para nós é unha ledicia que esta festa sexa ano tras ano outro referente máis da comarca, do viño e a para demostrar que o patrimonio pode ser un elemento dinamizador das terras de Valdeorras.
Teremos polo tanto que plantexarnos, a meu parecer, un irmandade de festas das covas e propoñer actuacións comúns con unha óptica comarcal, con unha visión máis global e a longo prazo.
De pouco vale ter unhas festas que xiran entorno a un patrimonio que corre o perigo de virse a baixo polo paso do tempo ou por actuacións pouco acertadas. De pouco vale que as festas, as rutas e os camiños das covas se tornen en macrobotellóns aos que nonse lles crea unha andamiaxe, un entramado que as dote de contido. De pouco vale que este impulso que agora temos non sirva para poder facer medrar os viños de Valdeorras, a cultura e a propia comarca. De nada vale, se co paso do tempo resulta que o único que se pretende é que veña a personalidade de turno a cortala cinta, procurando a autopromoción cortopracista ao tempo que o entorno perde enteiros, en capital humano e valor patrimonial. Debemos de ter unha visión do conxunto, por iso é tan importante unha planificación coa vista posta no futuro, empezando por unha planificación urbanística que teña en conta este patrimonio.
Ao fin e ao cabo, a planificación trátase do esqueleto sobre o que proxectaremos o noso futuro, anque isto pode que non sexa máis que unha opinión persoal.
De momento e dende aquí, dar os parabéns ao Camiño das Covas de Seadur pola boa organización un ano máis.
Desfrutade destas festas e das súas covas, do seu viño e do bo ambiente. Saúde e vivan as covas!