jueves, 4 de agosto de 2011

de novo a pequena

Tal como fixemos o ano pasado... cremos que é o mellor xeito de botar a andar, é o primeiro día desfrutar, do noso pequeno gran patrimonio, das covas de Cerdeirais.

Antes de nada, agradecerlles aos veciños a colaboración, ás mulleres rurais por estar sempre ao pé do cañón, xa sabedes, sardiñada, viño e bó ambiente! preparádevos porque segundo o Pemán este ano imos ter un fin de semana un chisco pasado pola auga!

Por certo, os que teñades un instrumento levádeo, hai que darlle algo de ritmo á pequena... pouco máis temos que decir dende a asociación, porque coma sempre, coveiros... sorprendedes cada día máis a própios e extranos pola vosa paciencia e traballo, graciñas por facer da Festa das Covas a bandeira de noso pobo.

Adiante coa XV!! adiante e bó viño!!

miércoles, 23 de febrero de 2011

Tempo de Entroido!


Antes de nada agradecer ás Mulleres Rurais de Cima de Vila o préstamo da fotografía, non será o último...

Tamén pedirvos desculpas pola tardanza na actualización, o tempo non acompañaba, máis ben a ausencia deste. Ademais de ter problemas co acceso ao demo do blog, polo que dito esto, retomamos a actividade, máis tarde que cedo.

Son tempos de Entroido e de rematar a poda, o viño xa se fixo viño e andamos a ver se argallamos algunha actividade máis para o longo do ano... esperamos as vosas propostas sexa polo blog ou polos bares, sabedes que a iniciativa debe de ser de toda a asociación.

Temos tamén que ir pensando en facer unha asamblea antes de dous meses para tratar este tema, da planificación de outras actividades, ao tempo, que é bo momento para ir tomando contacto e procurar organizar a Festas das Covas deste 2011.

Saúde e bó viño!

viernes, 27 de agosto de 2010

hoxe toca xuntarse!!!

Hoxe temos asamblea de Coveiros, a ver que tal é a valoración de todos nós... os visitantes, os aditos á Festa das Covas creo que desta volta quedastes satisfeitos, pero falta a avaliación definitiva.

Para nós é fundamental a vosa opinión, que asistades e decidades que facer dende hoxe, para que no ano que resta até a proxima festa das covas, podamos dar máis carreira e impulso. Non xa a Festa que como se ve está totalmente asentada, senon a asociación e a actividade desta, porque debemos medrar e sobretodo, se útiles para os socios e en continuidade, para o pobo.

Vémonos na asemblea e nas covas.

lunes, 9 de agosto de 2010

De corazón... graciñas

Sabemos que non é a foto máis expresiva, pero pode que sexa moi representativa de cal é a nosa intención... agradecervos a todas e todos o traballo, a entrega e a vosa presenza, en especial aos que facedes posíbel trazar este mapa cheo de fitos onde parar a tomar uns viños.

Graciñas a todos por ter feito desta edición a máis potente, en presenza de público, en festa pura e dura, en bo ambiente e servizo, esperamos que este ano non faltara de nada. E creo sinceiramente que non nós equivocamos ao decir que esta puido ser a mellor edición da Festa das Covas, tanto na cantidade como na calidade... e esperamos, poder mellora-la ano a ano.

Mellorarémo-la sempre que os coveiros esteades aí, a beira de quen a organice, porque vos sodes o motor e namentres haxa quen responda para abrir covas haberá Festa.

Non quixeramos tampouco deixar fora dos agradedementos aos músicos que tan boa festa armaron, dende a xente que se achegou as covas cos seus instrumentos, sen pedir nada a cambio, máis que un espazo para tocar, como para os dous grupazos da fin de festa, os Brothers e Bukowski Blues Trio?

Graciñas a todos vós, de verdade e de corazón por facer posíbel esta festa. Até pronto compañeiros!!!

miércoles, 4 de agosto de 2010

que imos facer o venres?


Antes de nada pedirvos disculpas polo longo letargo do blog... haberá que tomar doutra volta impulso para poder botar a andar con máis continuidade, pero bueno, ao que imos.

Esta entrada e actividade, adicámoslla aos coveiros en especial, polo menos xa que nos toca apandar o sábado, a ver se o venres lle sacamos algo de proveito á festa e nos podemos tomar uns viños entre veciños e convidados polas covas de Cerdeirais. Xa sabedes que este é un pequeno paso para dar a coñecer outro barrio con covas, alén do que medio mundo xa coñece grazas a festa das covas.

Lembrade que para os máis pequenos tamén temos os xogos, inchabeis e máis cousas. Que estaremos na praza para os nen@s dende as 19h e que ao mesmo tempo estaremos catando os pinchos e os viños polas covas de Cerdeirais.

Que como viña sendo habitual, haberá sardiñada o venres dende as 21h na praza do pobo, botándolle unha man a AAMMRR "Cima de Vila", consolidándose a actividade que viña a celebrarse ao longo deste tempo. Colaboran aquí tamén Pescados Topi, Caixanova, Bar Acuarela e Bodegas Juan Ares, grazas a todos eles.

Nada máis de momento, agradecer, coma sempre o traballo das 45 covas, por estar abertas e por participar, por involucrase e dar o mellor de cada un para facer ano a ano a Festa das Covas.

Por outra banda, non esquencer aos veciños de Cerdeirais que o venres abrirán as súas covas, demostrando que este patrimonio tan noso, como son as covas, son fonte de vida e futuro. Esperemos que este ano a Festa das Covas continue a ser un punto de encontro e referencia.

saúde e bo viño!

viernes, 30 de abril de 2010

20 anos de Abertal, Manolo, gaiteiro!!


O patrimonio non é sinxelamente, como decía un profesor de antropoloxía, "montóns de pedras apilados que teñen moitos anos e que servían para adorar ao Dios de turno". Temos outros xeitos de expresión cultural que son patrimonio, tal como son as linguas, a musica de cada pobo é outro referente.

Manolo Durán ten grande relevancia neste eido, onde sae a luz a súa paixón e onde por moitos motivos, vemos a calidade inmensa deste home. Sen el a Rúa e por descontado Valdeorras, non desfrutaríamos 20 anos deste patrimonio musical. A súa constancia e a capacidade de traballo que nos demostrou, esa ilusión de turrar polo noso durante dúas décadas, fai que hoxe a música tradicional teña aínda moito aire para encher o fol e mans para repinicar nos coiros.

Por esto entrada de hoxe, feita dende a máis sinceira e fonda admiración, unha verdadeira lección de humildade e capacidade de traballo, de saber facer e erguerse ante os contratempos, de constancia e sobretodo, de estima por esta nosa terra.

Abertal, grazas, polos 20 anos de música tradicional que nos regalaches e por facer da Rúa un refuxio da música que se baila ao ritmo do coiro e dun só ronco.

Para rematar, o enlace co programa "alala" adicado á agrupación

http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=30/04/2010%2022:55:19&fecha=29/04/2010&arquivo=1&programa=ALAL%C3%81&id_programa=7

jueves, 22 de abril de 2010

23 de abril!!

"O San Jorge, glorioso soldado!!"

Quen de vós non se lembra de Don Juan no cimeiro da igrexa cantando o himno ao noso patrón? a verdade é que para moitos dos que no seu día pateábamos a procesión e termábamos de crespóns e demais lerias, a imaxe que se nos ven a mente, a fotografía da lembranza é ver ao señor Cura mirando de reollo aos que se portaban con pouco e decoro no día máis grande, penduleando a cabeza cara os lados coma se dun xendarme divino se tratara. Deus estaba mirando dende o ceo e xulgaría as capacidades de seus guardiáns da fe?

Sexa como que sexa, esta fin de semana imos ter as familias e amigos con nós, algúns por desgraza botaremos de menos aos que se nos foron... mais a vida segue e esixe tirar para adiante, sen esquecer de onde vimos estamos condenados a continuar. Hoxe non é un día para botarse atrás, todo o contrario, é hora de turrar cara adiante e se hai un máis alá que nos xulgue, que diga que nos equivocamos, porque sempre é mellor trabucarse polo feito que pampar ante o que puido ser.

Pronto teremos que nos xuntar os coveiros, porque este ano temos tempo e debemos aprobeitar para face-las cousas o máis consensuadas posíbel. Ide pensando nun día para o que podamos botar a andar a XIV, ide poñendo a traballar a cabeza e a dar ideas.

Coveir@s e veciñ@s, boas festas e bo viño, saúdos e parabéns aos organizadores da Festa do San Xurxo!

Adiante coas nosas festas!!